domingo, 13 de decembro de 2020

Sés no Lugrís

Este pasado xoves tivemos o pracer de compartir unha charla (mediada por pantallas) coa cantareira María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés. As preguntas de rapazas e rapaces de 4º ESO conduciron a que Sés nos falara con forza, anécdotas e argumentos do valor da nosa lingua, da discriminación das mulleres no mundo musical (con exemplos como a estrañeza ante unha muller na mesa de son ou tocando determinados instrumentos), ao igual que nas demais esferas sociais, de como compón, da súa traxectoria etc. Soubemos detalles dela como que empezou falar galego aso dezasete anos, que lle gustan os callos, que fala varios idiomas, que se inspira en todo o que lle rodea... que se implica e compromete co que lle importa... e moito máis. 

sábado, 28 de novembro de 2020

Aplauso pola loita contra a violencia machista


"Sabemos das miles de asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas, das nenas e nenos que quedaron en situación de orfandade por unha violencia irracional.
 
Por suposto, toda forma de violencia parécenos execrable, incluida a que se exerce sobre os homes, as persoas estranxeiras, nenos e nenas, animais etc. 
 
Sabemos das mil formas de violencia que se exercen sobre as mulleres cada día debido a estereotipos gravados no máis profundo e moi difíciles de arrancar. Desde micromachismos ata trata de mulleres, desde insultos ata palizas, desde desprezos ata invisibilizacións).  

Non esquecemos as 40 asasinadas no que vai de ano, nin as máis de mil desde que se fai reconto. Pero agora queremos pedirvos un minuto de aplausos polas moitas máis que lograron refacer as súas vidas, pola solidariedade entre mulleres para darnos forza e polos moitos homes que cada vez máis son capaces de tratar de igual a igual a todas mulleres.
 
Por todas elas e eles... Porque así lograremos ir construindo un mundo mellor!!! " 

domingo, 25 de outubro de 2020

Trivial de Platón

Para repasar Platón, déixovos o Trivial realizado pola profesora Eva Garea



Nubes de palabras orientais

O alumnado de 4º ESO está a facer nubes de palabras sobre o pensamento oriental do século V a.C., a mesma época en que se estaba iniciando a filosofía como saber racional en Grecia. Nelas recollen os conceptos que lles parecen chave das diversas concepcións. Aquí fican algunhas delas:

Ariel Canario, BudismoAriel Canario, Budismo

xoves, 1 de outubro de 2020

Comezamos novo curso preguntando con Mafalda

Xa está en marcha o novo curso, no inicio da segunda década deste século. Costou arrancar a causa da COVID, pero xa case levamos unha semana de camiño. 

Puxémonos xa a facernos preguntas para tratar de desentrañar a complexidade do presente. Ou sexa, para buscar orientación neste momento que semella tan caótico... e fascinante, pola novidade que trae consigo. 

E nestas estabamos cando aconteceu a morte de Quino, o creador, alá polo1964, da inmortal e filosófica Mafalda. Lembramos as súas preguntas e retámonos a cuestionarnos con ela:

  

Que a sorte nos acompañe na nosa particular busca da sabedoría!


sábado, 30 de maio de 2020

Practicando os niveis morais de Kohlberg

Sobre os niveis de desenvolvemento moral temos aquí un bo montón de infografías e presentacións realizadas polo alumnado de Filosofía de 1º Bach durante o confinamento (maio 2020). E tamén un "breakout" para poñer a proba os nosos coñecementos sobre este tema.


luns, 25 de maio de 2020

Sobre Marx


Para repasar a Karl  Marx temos esta esclarecedora infografía sobre o seu contexto, vida e obra.  Realizada por Paulo Varela Amboage.

domingo, 17 de maio de 2020

Desde a miña ventá

Deixo aquí as fotos que rapazas e rapaces realizaron desde a súa ventá  nestes días de confinamento. Dalgún xeito creo que pode servir para fixar na memoria algunhas das imaxes destes estraños tempos.



Coidádevos moito

domingo, 26 de abril de 2020

Necesitamos profesores de virtude?

Tedes a continuación a disertación de Daniel Rosua, de 2º Bach, en relación á ética kantiana.
Necesitamos profesores de virtude?
Os humanos somos animais sociais, o coma dicía Aristóteles zoon politikón. Tendemos a agruparnos e buscar a compañía dos demais, quizais porque tememos estar sos, ou quizais porque necesitamos cariño.
O caso é que cando os seres humanos xuntámonos, establecemos unha serie de valores ou virtudes que toda a congregación segue, pois son o “ben”. Esta serie de valores cambia é distinta de acordo co lugar, a relixión e a cultura, e pode cambiar ao longo do tempo nun mesmo sitio.
Immanuel Kant propuxo que non son necesarios os profesores da virtude referíndose ao ensino de ética á mocidade, pois xa todos os seres humanos sabemos dentro de nós o que é correcto, e o que non necesitamos adestramento na nosa moralidade.
Se ese é o caso, entón por que en unha gran maioría de países do Medio Oriente ser homosexual é castigado coa morte, mentres que no mundo Occidental o simple feito de xulgar a alguén pola súa sexualidade xa é considerado aborrecible? Por que en moitas culturas asiáticas considérase que pegar aos fillos é un método de disciplina apropiado e aquí non? 

sábado, 4 de abril de 2020

Sobre o confinamento e a liberdade

Deixo aquí as reflexións de Miguel Pérez Redondo, de 2º de Bacharelato, sobre a situación que estamos a vivir.
Ana Frank
«Ao longo da historia da humanidade existiron múltiples circunstancias que obrigaron ao ser humano a verse sometido a un período de confinamento voluntario como pode ser no caso de atoparse nunha situación de epidemia coma a que nós estamos a vivir ou a que puideron vivir outras persoas en tempos por exemplo da peste ou ben por confinamento obrigado como podería ser o encarcelamento de numerosos intelectuais durante a Guerra Civil Española ou noutros réximes políticos coma o holocausto nazi.

domingo, 29 de marzo de 2020

Palabras que nos inspiran

Boas, deixo aquí unha montaxe coas frases que senten como inspiradoras os nosos rapaces e rapazas de 1º e 2º ESO.
(Non conseguín meterlle música gratis, así que propóñovos que lle poñades vós a que máis vos guste mentres o vedes). 

Moito ánimo. Que o gocedes!





Está feito con genial.ly, unha aplicación que está moi ben para facer presentacións, vídeos, infografías, xogos...

domingo, 15 de marzo de 2020

Lembranzas do Teatro clásico grecolatino (Troianas e Aulularia)

Mentres se me vén á mente Ana Frank encerrada e síntome afortunada por poder pasear coas cadelas..., mentres cartesianamente me sinto como nun soño ou pesadelo do que non sei se estou a piques de espertar..., mentres empezo a perder un pouco a noción do tempo e xa me parece que o que fixemos hai catro días foi hai catro meses...

venres, 13 de marzo de 2020

2º obradoiro con S.I., pensando nos nosos proxectos

Luns  e martes (2 e 3 de marzo) estiveron con nós Clara e Ángela de Solidaridade Internacional para facer o segundo obradoiro do proxecto "Horizonte 2030: construindo liderados positivos para unha xuventude galega transformadora". 

Logo de saber cales son os 17 Obxectivos de desenvolvemento sostible 1º A elixiu traballar no Obxectivo 5: "Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas".

E 1º B decidiu centrarse no Obxectivo 13: "Combater o cambio climático e os seus efectos". 

sábado, 22 de febreiro de 2020

De novo en Santiago, filosofando



O xoves 20 pasamos unha boa xornada en Compostela, escoitando e marabillándonos coas disertacións que chegaron á final. Tamén vimos a final de vídeos e fotografías. Pola tarde, os comandos de igualdade. 

Deu tempo aínda a pasear e gozar do casco vello santiagués.  

mércores, 29 de xaneiro de 2020

A VII Olimpiada filosófica xa en marcha

O pasado venres 24 de xaneiro fomos en tren cun grupo de 10 alumnos e alumnas (desde 3º ESO ata 2º Bacharelato) para participar presencialmente na primeira fase da Olimpíada filosófica galega que nesta edición leva como título "O poder do mito". Pariticipamos nas modalidades de dilemas morais e de disertacións. 

domingo, 26 de xaneiro de 2020

Penso, logo...




En 4º ESO, na clase de Filosofía, dándolle voltas ao significado da nomeada e manipulada frase de Descartes, "penso, logo existo", animámonos a xogar aínda máis coa expresión e saíron estas propostas. Cada unha ten a súa xustificación explicada polo autor ou autora, pero poden ser imaxinar todas as que se queiras. 

Resultou divertido.



- Penso, logo falo.
- Penso, logo volvo pensar.
- Penso, logo actúo.
- Penso, logo río.
- Penso, logo me namoro.
- Penso, logo xogo.
- Penso, logo tento esquecer.
- Penso, logo estudo.
- Penso, logo odio.
...