luns, 26 de outubro de 2015

A voltas coa intelixencia emocional e O MEDO




Dito de forma breve e rápida, a intelixencia emocional ten que ver co coñecemento das propias emocións para logo aprender a manexalas da mellor maneira posible.
Trátase dunha temática relativamente nova que está de moda entre as persoas dedicadas á psicoloxía e o público en xeral. 
En calquera caso déixanos interesantes ensinanzas que poden ser moi útiles como consellos de vida
A súa divulgación, iniciada por Daniel Goleman, chega ata Pixar, que coa película Del revés, traslada os principios básicos ata os máis cativos, e a libros como o Emocionario e moitas outras publicacións de gran atractivo.
Agora, en tempo de Samaín é unha boa ocasión para reflexionar en torno ao significado dunha das emocións que sempre se ubica entre as básicas: o medo.

En valores éticos de 1º ESO, coa profesora Marta, dedicaron algunha clase a practicar expresións de emocións sobre pequenos fantasmas -todo con material reciclado- cos que decoramos medio instituto... En 2º ESO escribiron listados sobre aquilo ao que tiñan medo (desde ao Xefe, ou as arañas, serpes e outros bichos ata a non sacar boas notas nun exame, enfermidades, a verse metido en líos, a estar encerrado, a estar en perigo, a non poder volver ao propio país, á morte...) e algúns e algunha estanse a animar a escribir microrrelatos de terror para o concurso da biblioteca.






Ogallá o pasedes de medo durante estes tempos de Samaín!

domingo, 18 de outubro de 2015

Sócrates, a subversión e o "para que" da filosofía

No pensamento grego unha das figuras clave é Sócrates, un filósofo sobre o que hai ríos de tinta escritos e mesmo documentais e películas. Para un achegamento primeiro pode non estar mal o anaco de El mundo de Sofía no que se narra o proceso que conducíu á súa morte. Se queredes profundizar máis tedes a película Sócrates (1970), de Roberto Rosellini, ou unha breve clase sobre este filósofo que foi mestre de Platón

Por outra banda, quero avisarvos de que está en marcha, cun amplo prazo un concurso de ensaio subversivo. As bases están na biblioteca para quen poida interesarlle. Como o seu nome indica, valorase a rebeldía e a subversión no modo de pensamento acerca do que nos rodea.

E por último, invítovos a que leades o artigo da web cultograma titulado "La última clase de filosofía". Vén moi ao pelo nestes tempos en que as leis educativas queren deixar fóra á filosofía.


martes, 6 de outubro de 2015

Que responsabilidade temos fronte aos animais?

Sobre as relacións entre humanos e animais tratan os dilemas nos que nos propoñen pensar desde a Olimpiada de filosofía. 
Para ir creando ambiente, podemos ler un interesante artigo titulado Venceremos da xornalista e escritora Rosa Montero sobre o maltrato animal e o touro de La Vega, en Tordesillas.

Outro artigo interesante desde unha perspectiva distinta é o de Manuel Rivas na revista de El País semanal o pasado domingo. Títúlase La geografía del miedo y el deseo e relaciona o medo dos animais co medo de moitos de nós e as forma de reaccionar ante os refuxiados e inmigrantes...

Por último, por hoxe, hai un montón de vídeos e información sobre a empatía animal. Entre outros, algún de Elsa Punset, ou este outro, documentalempatia, no que se reflexiona sobre a morte de animais para oconsumo humano.

Agora toca que suxirades vós...