xoves, 19 de decembro de 2019

Empezamos proxecto con SI


Os pasados luns 16 e martes 17 recibimos a Clara e Carolina de Solidaridade Internacional, con quen comezamos un novo de proxecto de "Horizonte 2030: Construíndo liderados positivos para unha xuventude galega transformadora". Comezamos a situarnos no mundo para que logo nos poidamos centrar no Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e elixir a temática sobre a que traballaremos ata final de curso co obxectivo de realizar un proxecto desde unha problemática que nos afecte localmente e teña repercusión global. 

sábado, 30 de novembro de 2019

Infogramas de teorías da personalidade

Quedan aquí os infogramas realizados polo alumnado de 4º ESO sobre as principais teorías da personalidade:

- Psicanálise, de Freud (Uxía e Inés):

xoves, 28 de novembro de 2019

#LugrisenNegro


O pasado 25 de novembro quixemos simbolizar a nosa dor polas mulleres asasinadas a causa da violencia machista vestíndonos de negro. 



Grande parte dos carteis foron realizados e colgados polo alumnado de 4º ESO, de Filosofía. Tamén foron os encargados de pasar polas aulas de todo o centro para comunicar esta proposta. 


Ademais, antes do recreo as rapazas e rapaces de Oratoria (de 1º Bach) leron un manifesto, que podedes escoitar en dúas versións nos enlaces aos podcast que deixamos a continuación:

- 25N grupo 1. Voces de: Alexandru, Adela, Martina, Maia, Paula, Mohamed e Pablo. 
- 25N grupo 2. Voces de: Alexandru, Fernanda, Maytana e Daria. 



A punto de ler o manifesto do 25 N

sábado, 22 de xuño de 2019

Yin yang mariño


No Festival de fin de curso que se realiza todos os anos o último día de clase no Centro Cívico de Os Mallos, o alumnado de 4º ESO presentou  a pancarta e o yin yang realizados nas clases de plástica (e outras) como parte da acción transformadora "O lixo reemprazou o noso mar".


Todo dentro do proxecto "Horizonte 2030" de Solidaridade Internacional. 

Aquí quedán algunhas imaxes do yin yang xa rematado:















Lembrade reducir o uso de plásticos e, en todo caso, tiralo no contedor correspondente. Os océanos non poden con 12 millóns de toneladas de plásticos que cada ano acaban nas súas profundidades. 


Bo verán!



luns, 27 de maio de 2019

O lixo reemprazou o noso mar


Continuando co proxecto que iniciamos con Solidaridade Internacional, "Horizonte 2030: Construíndo liderados positivos para unha xuventude galega transformadora", o alumnado de 4º ESO decidiu centrarse no Obxectivo 14 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible:  conservar e utilizar en forma sostible os océanos, os mares e os recursos mariños para o desenvolvemento sostible. 

domingo, 26 de maio de 2019

Debate en Carballo en torno aos videoxogos e a violencia




Este pasado martes 21 de maio fomos ata o IES Parga Pondal de Carballo para debater sobre se os videoxogos violentos provocan condutas violentas ou non. 


Na Biblioteca Rebolo deste centro o alumnado de Argumentación e oratoria, de 1º de Bacharelato foi o protagonista do debate.

mércores, 22 de maio de 2019

Sería unha actitude ética legalizar a eutanasia?


Miguel Pérez Redondo disertou na clase da seguinte maneira:

"A eutanasia estivo presente na historia europea ata a súa prohibición coa chegada do monoteísmo cristián. Gregos e romanos tíñana lexitimada, se era autorizada por un órgano estatal; o seu significado dende a Grecia antiga é "a boa morte". O espírito romano contemplaba con serena grandeza as vantaxes dunha morte oportuna. 

xoves, 2 de maio de 2019

A Nicaragua de Georgina

Georgina Molina
O pasado venres, 26 de abril, tivemos o terceiro obradoiro de Solidaridade Internacional, cando recibimos a visita de Georgina Molina Rivera, unha psicóloga nicaragüense, especializadano tratramento do abuso sexual, que está agora en España, solicitando asilo político. 
Contounos, en 4º ESO,  sobre o traballo que realizaba en Nicaragua relacionado cos liderados positivos e tamén sobre o terrible clima de represión política que se vive no país gobernado por D. Ortega. 

María Caride, de Solidaridade Internacional





E xa estamos preparando o noso proxecto de recollida de plásticos, como unha forma de colaborar no coidado do medioambiente, en particular co  Obxectivo 14 de Desenvolvemento Sostible

De epicúreos xardíns


Para aprender e repasar as teorías éticas, ademais dun pasapalabra, propuxemos o que sería para nós un xardín epicúreo, cales son os praceres sinxelos e ben calculados que nos proporcionarían pracer en forma de serenidade (ataraxia).

Inspirámonos nas explicacións de Maite Larrauri, do programa Filosofía para profanos, sobre Epicuro.


Velaquí o resultado: 


Nerea, case no seu xardín ;)


Para profundizar máis, podes darte un paseo polo xardín de Epicuro



O xardín epicúreo de Érika

Nerea e Miguel, simulando Titanic
   

Seguiremos poñendo en imaxes outros xardíns...

mércores, 10 de abril de 2019

Marx, opio e a nosa filosofía

A partir da frase do filósofo alemán Karl Marx de "A relixión é o opio do pobo" o alumnado de 2º Bach propuxo novas formas de reflexionar e criticar aos "opios" (o que nos adormece e fai soñar, facéndonos esquecer o real e enfrontarnos aos problemas) da sociedade actual. 

Cada proposta ten unha explicación ofrecida por quen a escribiu, pero cadaquén pode xogar a interpretar libremente. 

Marx usou esta frase para criticar a alienación relixiosa, derivada, como ben sabemos, da alienación económica. 

domingo, 31 de marzo de 2019

Aprendemos a investigar no 2º obradoiro con SI


O pasado venres 29, a primeira hora, viñeron desde Solidaridade Internacional para realizar con 4º ESO o segundo obradoiro do curso. 


De novo cun xogo, esta vez con pistas en caixas, aprendimos os pasos principais dunha investigación para un proxecto social. 

venres, 15 de marzo de 2019

Na VI Olimpíada filosófica de Galicia



Onte xoves participamos na VI Olimpíada filosófica de Galicia na Facultade de Filosofía en Santiago. Poidemos ver como as persoas seleccionadas defenderon as súas disertacións e tamén as defensas de vídeos e fotografías. 





Resultou unha xornada moi interesante e, por unha vez, non nos choveu.  

 
 Ata a próxima!!!

Coñecendo teatro grecolatino, As Bacantes



O pasado mércores fomos ver a traxedia de As Bacantes, de Eurípides, no teatro Colón, no marco do XIX Festival de teatro grecolatino, que se leva a cabo cada ano por estas datas. 


xoves, 21 de febreiro de 2019

Comezamos a traballar para transformar, con SI




O pasado venres 8 de febreiro tivemos o primeiro obradoiro da proposta educativa da ONGD Solidaridade Internacional (SI) "Horizonte 2030: construíndo unha xuventude galega transformadora". 


Trátase dunha proposta que desenvolveremos co alumnado de Valores éticos e de Relixión de 4º ESO desde agora ata maio e grazas á cal teremos catro obradoiros con persoas desta ONGD. 

Neste primeiro obradoiro, María Caride e Ana Lampón, de SI, presentáronnos a proposta e fixéronnos reflexionar a partir dun xogo (con grans de café :) sobre o que implica a palabra "cooperar" (punto de difícil equilibrio entre os extremos do sacrificio e o egoísmo). 




Xogando co café 

A partir de agora dispoñémonos a adentrarnos nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible






Como dixo Eduardo Galeano

"Y, al fin y al cabo, actuar sobre la realidad y cambiarla, aunque sea un poquito, es la única manera de probar que la realidad es transformable"

Continuamos! 

sábado, 9 de febreiro de 2019

Infografías sobre Descartes

Neste trimestre, o alumnado de 2º Bach, realizou estas infografías sobre Descartes. Quedei impresionada coa súa rapidez e a creatividade!

Daniel Varela propón esta:

venres, 8 de febreiro de 2019

Mulleres Nóbel para celebrar a paz

Desta volta para celebrar o día da paz e a non violencia, os grupos de 2º ESO realizaron unhas boas presentacións sobre algunhas mulleres que recibiron o premio nóbel da paz

Aquí tedes o resultado que expuximos á entrada do instituto (como vedes hainas en inglés e en galego).

Sobre Malala e Aung San Suu Kyi


Bertha von Sutter e Wangari Maathai
Rigoberta Menchú e Murad e Mugwege

Shirin Ebadi e D. Mugwege e Murad
Jane Addams


Grazas polo voso traballo

venres, 1 de febreiro de 2019

Cosmovisións en nubes de palabras

Aquí fican as nubes de palabras dos diferentes tipos de cosmovisións que estivemos estudando en 1º Bach. 


Realizaron unha boa selección de personaxes, teorías e conceptos correspondentes a cada unha das cosmovisións que aprendemos e plasmárono nunhas logradas nubes de palabras que realizaron coa aplicación tagul

Creo que se pode dicir que obtiveron un magnífico resultado:




https://issuu.com/landra/docs/nubes_palabras_2019


Noraboa pola rapidez e precisión!!!

mércores, 30 de xaneiro de 2019

En RNE, con 1º Bach

Alba e Nerea

Relátanos Érika Varela Rey:  


Hoxe, 29 de xaneiro, o alumnado de primeiro de bacharelato fixemos  unha excursión á Radio Nacional, unha visita moi entretida. Ao chegar, mostráronos varios aparellos antigos que hoxe en día utilizamos doutra maneira máis sinxela grazas aos avances en tecnoloxía. Logo, fomos a un dos estudos para observar como funcionaba e alí, algúns dos meus compañeiros puideron vivir unha experiencia nova: probar a voz, os micros etc, e aí rematamos a visita. 

domingo, 20 de xaneiro de 2019

Participando na VI Olimpíada filosófica de Galicia

O equipo de concursantes ao completo
O pasado venres 18 de xaneiro encamiñámonos a Santiago de Compostela, á Facultade de Filosofía, para poñer en marcha todas as nosas capacidades e habilidades na primeira fase da VI Olimpíada filosófica de Galicia, centrada neste curso no tema de "Realidade e aparencia".