mércores, 30 de setembro de 2015

O espinazo do mundo




Poñéndonos un pouco vintage (xa que está de moda), propóñovos que lle botedes unha visual ao capítulo 7 da serie Cosmos, unha serie protagonizada polo astrónomo Karl Sagan, un dos grandes divulgadores da ciencia.

A súa forma de abordar aos presocráticos e a orixe da filosofía está chea dunha paixón que compensa de sobra algunha falta de rigor científico, cando menos na miña opinión. 

Neste capítulo, Sagan introduce o afán de explicación universal dos pobos antigos partindo da súa admiración polo mundo que lles rodea, en concreto polas estrelas que vemos nas noites claras, e máis en particular as que conforman o que hoxe chamamos Vía Láctea (por certo, pensáchedes nalgunha ocasión no por que deste nome?). A partir do minuto 20 fala de Tales  de Mileto e outros dos iniciadores da filosofía; no minuto 34 de Pitágoras...

Se vos gusta o seu estilo, están accesibles moitos vídeos máis

Xa contaredes a vosa opinión...

domingo, 20 de setembro de 2015

Olimpiada filosófica

Como avanzadiña da III Olimpiada filosófica de Galicia sabemos cales van ser algúns dos temas:

Disertación: Que é a beleza?      
Fotografía: Que é a beleza?    
Dilemas morais: Que responsabilidade temos fronte aos animais?
Video: Perdedores? 

En breve enviarannos as bases completas. Mentres tanto, se tedes ideas ide tomando nota. 


Por certo, o seu novo logo (froito do concurso do curso pasado) é este: 


martes, 1 de setembro de 2015

Comezamos o curso e con el un paseo conxunto durante nove meses nos que trataremos de aprender pasándoo o mellor posible.

Poñeremos a nosa enerxía e agarimo no empeño de que saia como unha pequena gran obra de arte, inspirándonos no pintor do noso instituto, en Urbano Lugrís. El non foi filósofo profesional, pero si un orixinal artista e tamén pensador nun sentido amplo, así que imos ver que pasa apoiándonos nel para mirar ao noso redor.

Neste blog poñeremos todo o que sexa minimamente relacionable coa filosofía, con cada un dos cursos en que a tratamos dalgunha maneira, as actividades que realicemos e tamén algunhas contribucións vosas. 

Lembrade que tendes tamén materiais concretos do tratado nas clases na aula virtual do centro.