sábado, 28 de novembro de 2015

O 25 de novembro, no Lugrís

Durante toda esta semana lembramos no instituto o día contra a violencia machista, co lúgubre ronsel de asasinatos que día a día constatamos, tratando de que desde todas as aulas "asináramos" o compromiso de liberarnos dos FEMINICIDIOs que nos rodean. 

Loitamos coa nosa principal arma neste momento, coas palabras, que levan consigo importantes significados: respecto, comprensión, igualdade... e moitas outras. 

Sabemos que as palabras non bastan nin moito menos. Mais tamén se precisan... 

Enchemos unha gran man con elas, e enchemos de mans os ollos de boi das nosas aulas: o noso gran de area.







Empezamos co noso "proxecta": O MUNDO QUE QUEREMOS

Este pasado venres (27 de novembro) ampliamos a nosa xornada laboral, ata ben entrada a tarde-noite. 

Fomos as profes Xulia e África, xunto con varias alumnas (Noelia, Morelys, Aroa e Angely), ata un  local da rúa San Andrés, onde nos encontramos con outros profes e rapaces e rapazas representando aos outros catro centros seleccionados  (como contamos noutra entrada hai pouco...). Alí presentámonos todos -monitores, organizadores, profes e alumnado- de forma moi amena e  contáronnos  a planificación deste proxecto para todo o curso. 

A quen non foi, contarémosllo con máis detalle na clase. E axiña chegarán os primeiros obradoiros: en decembro xa, teremos os dous primeiros, sobre fotografía!!!





mércores, 18 de novembro de 2015

Día da Filosofía (o 19 de novembro)


O terceiro xoves do mes de novembro celébrase o Día da Filosofía... 


E nós imos celebralo botándolle un pouquiño de humor variado. 


Como andamos con Aristóteles, utilizamos a Forges, que podemos empezar a practicar iso de pensar...


Ou podedes ver este episodio de El intermedio no que lle botan humor sobre algúns dos motivos para estudar a carreira de Filosofía ("algo parecido á psicoloxía, pero de raros").






En fin, non me resisto a deixar un pouco máis do Forges máis filosófico para quen lle apeteza continuar: 







sábado, 7 de novembro de 2015

Marcha contra o machismo asasino



Por fin parece que a sociedade -unha boa parte cando menos- comeza a mobilizarse contra a lacra da violencia contra as mulleres. Hoxe na manifestación de Madrid hai miles de persoas que espero se fagan escoitar por todos, tamén por aqueles que non son capaces de controlar os seus crueis impulsos ou instintos, e descargan unha e outra vez a súa raiba, impotencia ou o que sexa que leven dentro, contra quen queren considerar inferior, moi a miúdo a súa muller, a súa compañeira...
A feminista Nuria Varela amosa algunhas das escandalosas cifras deste tipo de violencia no artigo: 0,01 millones de razones para la Marcha contra las Violencias de Género

Sei, e alégrome, que moitos e moitas de vós compartides a miña inquedanza por este tema...


martes, 3 de novembro de 2015

O mundo que queremos



Estamos de noraboa!!! Concedéronnos o Proxecta de Cooperación para o Desenvolvemento "O mundo que queremos". Con este proxecto, que nós titulamos de forma particular "Voces vivas nun mundo global", procuraremos afondar nas desigualdades sociais existentes e as causas que as perpetúan a través de accións concretas no noso entorno cercano. Imos participar co alumnado de  2º e  4º  ESO.

A fins de novembro teremos os primeiros obradoiros cos que iremos coñecendo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e empezaremos a pensar en como imos poñer voz ás problemáticas sociais que nos afectan e preocupan e con que medios o faremos: con fotografías, radio ou teatro.... 

Somos cinco os institutos e colexios seleccionados: o IES Fernando Wirtz de A Coruña, o IES Parga Pondal de Carballo, o CPI Toural de Vilaboa en Pontevedra e o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, tamén en Pontevedra. 

Seguiremos informando...