mércores, 22 de maio de 2019

Sería unha actitude ética legalizar a eutanasia?


Miguel Pérez Redondo disertou na clase da seguinte maneira:

"A eutanasia estivo presente na historia europea ata a súa prohibición coa chegada do monoteísmo cristián. Gregos e romanos tíñana lexitimada, se era autorizada por un órgano estatal; o seu significado dende a Grecia antiga é "a boa morte". O espírito romano contemplaba con serena grandeza as vantaxes dunha morte oportuna. 

O filósofo estoico e historiador Silvio Itálico (século I), quen se practicou a eutanasia a si mesmo por unha enfermidade incurable e dolorosa; dinos nos seus textos: "os xermanos conciben a morte como un momento único, que como o raio debe ser aceptado con rapidez e dignidade". Grandes filósofos apoiaron a eutanasia, como Platón, Sócrates, Marco Anneo Séneca... e se algo nos ensinou a filosofía é que os seres humanos somos seres
Séneca, o Vello
libres. Para Epicuro a felicidade era a ausencia de dor e perturbacións e reside no pracer, buscando a serenidade e tranquilidade da alma (ataraxia), aínda que persoas como Hipócrates opuxéronse. O cristianismo pon fin á esa concepción do universo, e persoas como Tomé de Aquino opuxéronse nos seus escritos. Lembremos o rival viquingo da tablilla rúnica de Ansgurdem (século X), traducida por Hermann Rödinger; "Que os nosos deuses acompañen a este desgraciado. Que o seu espírito volva nun corpo san, porque ninguén ousaría vivir a vida que lle esperaría" Cabe observar que noutras culturas practicábase por exemplo o harakiri por cuestións de honor. Ao longo da historia moitos persoeiros amosáronse favorables a esta práctica, como Tomé Moro en Utopía ou Samuel Williams. É nos EUA no século XIX cando comezan campañas a favor, presididas por persoas como Henry Thomas Hunt e Félix Adler e é a comezos do século XX cando se legaliza nalgúns estados e aínda que se mantivo en segredo, hai que lembrar que no Reino Unido, o rei Georges V aplicouse a si mesmo a eutanasia, coa axuda do seu médico, mediante morfina e cocaína.

Actualmente os países nos que é legal son: Países Baixos, Canadá, Bélxica, Colombia e Luxemburgo. O suicidio asistido é legal en Suíza, Alemaña, Xapón e algúns estados de EUA. En España é ilegal, aínda que partidos políticos como o PSOE intentaron legalizala, pero nas leis de 1986 e 2002 afírmase que o paciente ten dereito a rexeitar calquera tratamento violento, e no artigo 2 do Dereitos Humanos dise que todo o mundo ten dereito á vida pero non poderá ser sometido a situacións denigrantes.

Aclarar antes de nada que eu só estou a favor da eutanasia en casos de enfermidades incurables e dolorosas, pois eu creo que o dereito á vida non pode reducirse a mera existencia, senón que implica vivir adecuadamente en condicións de dignidade. Morrer dignamente sería respectar a liberdade do individuo ao final da súa vida. Haberá quen diga que o papel dos médicos é coidar aos pacientes e facer que vivan o maior tempo posible, mais tamén o seu papel é poñer fin a todo tipo de dor. Eu creo que non é ético obrigar a vivir a alguén en condicións extremas e legalizar a eutanasia sería o mesmo que legalizar o aborto (se estivese prohibido). No sentido de que téndoo legalizado non obrigas a ninguén a facelo pero lle das esa opción, a opción de vivir en condición indignas e con sufrimento continuo esperando a unha morte lenta e dolorosa, ou darlle a opción de morrer tranquilo e ser dor. Repetir que só defendo a eutanasia legal en casos de grave enfermidade e incurable e non legalizala para todos, só sempre e cando se fixera todo o posible polo paciente e se realizase un exame médico previo que cualificara esa enfermidade como grave e irreversible.

Ramón Sampedro
Para min, a vida é un agasallo e hai que vivila, porque ao fin ao cabo vaste morrer igual tarde ou cedo, pero nalgúns casos cada segundo pode ser un castigo. É o caso por exemplo de María José, unha muller de 62 anos que vin na televisión hai uns anos suplicando que a axudaran a morrer, pois levaba moito tempo sen ter ningunha mobilidade no corpo (case nin sequera podía falar), movéndose na casa coa axuda da grúa e, o peor, sendo consciente; iso non é vida nin para ela nin para a súa familia. Legalizando a eutanasia remataríase cos suicidios da xente en estado crítico, pois hai que lembrar ao galego Ramón Sampedro, o cal aos 25 anos quedou paralítico ao se tirar ao mar desde unha rocha e tras vivir así tinta anos tivo que recorrer á axuda dunha amiga súa, a cal subministroulle veleno.

Stephen Hawking
Hai exemplos como o caso de Stephen Hawking, que aceptou a súa condición e saíu adiante e eu son o que máis se alegra por eses casos, pero se esta persoa tivera querido recorrer á eutanasia, habería que respectalo e non podería xulgalo ninguén. Tamén está o caso de Robin Cavendish, un claro exemplo de resistencia, o cal contraeu a polio con vinte e cinco anos e cando pacientes con esta enfermidade pasaron a vida sen moverse el foi quen de marchar do hospital e instalarse na súa casa, aínda que non tiña ningún tipo de mobilidade e necesitaba a axuda dunha máquina para respirar. El non quería permanecer na cama e foi el o que deu a idea para deseñar as cadeira de rodas. Fixo viaxes, fundou asociacións e recadou moitísimos fondos para outorgarlle á xente coma el as maiores facilidades posibles, mais despois de case 30 anos comezou a ter grandes hemorraxias e a empeorar e decidiu recorrer á eutanasia ilegal coa axuda dos seus familiares. O que quero dicir é que hai claros exemplos de xente que viviu en extremas condicións, mais aínda así non se lles pode quitar a opción de recorrer á eutanasia.

Se antes de nacer soubéramos que chegado o momento íamos contraer unha enfermidade dolorosa e incurable, eu cando menos non nacería e por iso hai que legalizar a eutanasia en casos extremos. A miña avoa sufría de Alzheimer e as súas agresións, a súa violencia cara nós... era o de menos. O peor foi cando perdeu a conciencia e a mobilidade; o que ela sufriu só o sei eu. Os gritos de dor polas noites e o seu sufrimento non mo podería imaxinar. En certo modo foi unha "sorte" que non o padecera moito tempo, pois morreu aos meses e eu, aínda que me inundou a tristeza, alivieime ao saber que xa non ía sofrer máis. O seu médico díxonos: "ás veces somos uns egoístas, pois non deixamos marchar á xente que queremos, pero o que sofren estas persoas é inimaxinable". Eu non sería capaz de aplicarlle a eutanasia a ninguén próximo a min (ou iso creo), pero se alguén o fixera con algún familiar seu, eu non podería xulgalo.

Robin Cavendish
En conclusión, creo que o ser humano é libre, e aínda que eu non defendo a eutanasia legal sen restricións, creo que é ético deixar elixir a alguén nestas condicións sobre o seu destino, mais eu defendo que previamente se faga todo o posible polo paciente e máis, incluso organizar fundacións, charlas e todo tipo de axudas e subvencións, co fin de animar a estas persoas á vida e a sobrevivir coma Robin Cavendish, Stephen Hawking..., mas nunca quitarlle a opción de rematar coa dor que sofren cada día, pois eu creo que vivir nesas condicións, coma María José, non é vida para ninguén e, cando menos eu, preferiría morrer se soubera que nalgún momento vou ter que soportar iso porque a parte de min, tamén lles afecta ás persoas que me rodean, eles tamén sofren. A eutanasia débese legalizar con certos límites e nos casos extremos, pois tamén hai que ter en conta a cantidade de xente que foi a outros países aplicarse a eutanasia por non ser legal no seu país de residencia."

Ningún comentario:

Publicar un comentario