domingo, 18 de febreiro de 2018

Na Olimpiada filosófica, "Revolución e utopía"



Disertando e resolvendo dilemas, así pasaron a tarde do pasado venres Nerea Iglesias, Pedro Reimúndez, Claudia González e Rebeca Paris. Alegroume moitísimo saber -polo que dixeron- que, mentres o facían, o pasaron ben. Aprender e amosar o aprendido pode ser unha experiencia moi gozosa. 


Rebeca e Claudia (1º Bach)
Disertar sobre un tema, neste caso "Pode converterse a utopía en revolución?", e analizar dilemas son dúas das modalidades nas que se pode participar na Olimpíada filosófica. Outros compañeiros e compañeiras realizaron fotos sobre o tema de "Revolución e utopía" que en breve expoñeremos no instituto. 

Fomos e volvimos en tren ata a facultade de Filosofía en Santiago de Compostela. Alí houberon de acreditarse e logo cavilar e escribir. Rebeca e Claudia sobre o tema indicado e a Nerea e Pedro tocoulles o dilema seguinte: 


Nerea e Pedro (4º ESO)
"A profesora de ética do instituto está traballando co seu alumnado o tema da igualdade entre homes e mulleres na sociedade actual. Despois de dúas clases dedicadas a traballar o tema, a profesora divide a clase en grupos de traballo e propón a tarefa de elaborar un póster sobre a igualdade entre homes e mulleres. Rematado o traballo, organizará unha exposición nun sitio visible do centro para que o poida ver toda a comunidade educativa. Ao entregar os traballos, hai un no que o alumnado realizan unha defensa da inferioridade da muller e a necesidade de que ocupen posicións diferentes na sociedade, adxudicando ás mulleres a crianza dos fillos e fillas e as tarefas domésticas. A profesora admite o traballo e permite que se expoña no centro en igualdade co resto dos traballos. Algúns alumnos e alumnas deciden boicotear a exposición por calquera medio e discuten posibilidades de acción, mentres outros afirman que o dereito á libre expresión das ideas ampara que a exposición inclúa este traballo. Estes últimos teñen ao profesor da súa parte quen ameaza coa expulsión a calquera que boicotee a exposición dalgún xeito. Que farías ti. Sumaríaste ao boicot aínda baixo a posible expulsión?"
























Moitas grazas polo entusiasmo e ganas, por ser quen de intuir que o desinteresado pode ser o máis interesante!

Moitas grazas tamén á profesora Francisca García por acompañarnos!





Ningún comentario:

Publicar un comentario